Manifesto Miñor denuncia o estado calamitoso das instalacións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal
Gondomar, 5 de marzo de 2025.-Dende Manifesto Miñor levamos anos teimando porque o GES da Comarca estea nas mellores condicións, tal como lle cómpre a un servizo básico para a seguridade da veciñanza do Val de Miñor. Precisamos na comarca dun GES perfectamente dotado, tanto de medios e instalacións como en persoal, así como cunha dirección política estable e axil, que asuma as responsabilidades e serva, ao mesmo tempo, de interlocución entre os efectivos do GES e a Mancomunidade. E se para isto hai que cambiar os estatutos da Mancomunidade, Manifesto Miñor está disposto a apoir esa reforma.
Estes días limos nos diferentes medios de comunicación que dende a Deputación Provincial anunciábanse unha morea de investimentos (que seica van buscar os cartos a Europa) para converter a comarca do Val de Miñor no que denominan “a Cidadade dos 15 minutos”. Como idea non está mal e para gañar algo credibilidade poderían comezar por suprimir as peaxes da AG-57 e que nos serva tamén de vía de comunicación interna ou, como é o caso, por ter un GES dotado como lle cómpre a unha comarca con máis de 50 mil habitantes que se duplican non verán, dous polígonos industriais, enchentes con moitos riscos no inverno ou a masa forestal nos nosos montes, que xa sabemos das consecuencias do lume.
Pola contra, vemos con asombro como cando calquera concello da Comarca quere xustificar algunha actuación urbanística, petición de axudas ou subvencións noutros organismos, etc., sempre poñen por diante a existencia do GES, aínda que saben perfectamente do estado precario e baixo mínimos no que está. Non é a primeira vez que o servizo está sen efectivos ou con tan só bombeiro, como pasou cando as enchentes en Gondomar do Nadal do 2022.
Pois ben, agora acabamos de saber do estado calamitoso no que se encontran as propias instalacións, con perigo para os propios efectivos do GES. Imaxinan vostedes a nova de que xs bombeirxs do GES do Val de Miñor se mancaran nas súas propias instalacións?
Dende Manifesto Miñor, esiximos aos responsables políticos da Mancomunidade unha actuación urxente que evite o deterioro físco das instalacións do GES. Se non queren ou non teñen capacidade para facerse cargo do mesmo nunhas condicións dignas, que comecen a xestionar xa a súa inclusión no Consorcio Provincial.
Manifesto Miñor vén de poñer o aquí exposto en coñecemento da Presidencia da Mancomunidade do Val de Miñor.
Asdo. Antonio Araújo Quintas. Concelleiro de MM.