Manifesto Miñor denuncia a situación de abandono do Acueduto d’O Bravo, unha xoia patrimonial na vila de Gondomar
Dende hai anos, Manifesto Miñor leva denunciando a situación de abandono total e vandalización na que se atopa o Acueduto d’O Bravo, unha xoia da inxeñería civil do S. XVII, que, dende o goberno municipal, non valoran á vista da falta de conservación por parte do Concello de Gondomar. De feito, moitas foron as comunicacións, propostas, denuncias, mocións, etc. que o noso voceiro, Antonio Araújo, leva facendo dende hai moitos anos ao respecto.
Ademais, nos últimos días descubrimos, na mesma contorna do Acueduto d’O Bravo, unha vertedura de fecais directamente ao río Zamáns, como se pode observar nas fotos que achegamos. Para Manifesto Miñor, trátase dunha mostra máis da pouca importancia que lle confire o goberno de Paco Ferreira a un elemento patrimonial de gran valor na vila de Gondomar.
Xa que logo, dende Manifesto Miñor vimos de denunciar esta situación a través do Rexistro do Concello, coa finalidade de que o goberno municipal desenvolva as actuacións necesarias para, por un lado, proceder con urxencia á limpeza do Acueduto d’O Bravo (herbas, ramallada, etc.) e á eliminación de pintadas e demais sinais de vandalización e, por outro, realizar os traballos necesarios na rede de saneamento para eliminar a vertedura no Río Zamáns. Dende o noso grupo requerimos máis una vez que se proceda a súa posta en valor na liña das mocións aprobadas polo Pleno en numerosas ocasións.