Manifesto Miñor demandará no Pleno de Gondomar a integración do GES no Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento
Gondomar, 15 de outubro de 2025.- Como é sabido pola veciñanza de Val Miñor e por todos os grupos políticos da comarca, mesmo pola propia Mancomunidade do Val de Miñor, pois obran múltiples escritos dirixidos á presidencia dese organismo, as persoas traballadoras do GES hai tempo que veñen denunciando a deficiente situación das condicións na que realizan o seu traballo. Nalgunha ocasión, mesmo denunciaron os riscos para a súa propia saúde e integridade física, incumpríndose, entre outros, o artigo 21 da Lei 31/95 de PRL, obrigatoria segundo dita a cláusula 8, apartado d) do Convenio GES.
O empregador, isto é, a Mancomunidade, non cumpre a lexislación vixente en PRL: traballo en quendas de 1 ou 2 efectivos de 24hs, onde as persoas traballadoras cun contrato de peón teñen que facer funcións de bombeiro, de conductor e de xefe de dotación; actuacións en emerxencias de todo tipo como primeiros intervintes en extinción/rescate; manexo de Epi´s de categoría 3 sen formación; ausencia de formación en emerxencias e de procedementos de actuación; falta de recursos preventivos por parte da Mancomunidade. Asemade, cómpre sinalar que a Xunta de Galicia, a Deputación e a propia Fegamp, asinantes do convenio GES, teñen coñecemento desta situación absolutamente irregular (por sermos moderados no adxectivo).
Outro aspectos relevante, moitas veces denunciado polas persoas traballadoras, son as instalacións do servizo que tampouco cumpren a cláusula 8, apartado d) do convenio GES. Hai un informe da Mutua e un requerimento de Inspección de Traballo ao respecto, con nulo caso por parte dos responsables políticos do GES.
O Convenio dos traballadores e das traballadoras da Mancomunidade non se cumpre, comezando por ignorar as reclamacións daquelas persoas traballadoras en relación ás funcións dun rango superior que veñen desenvolvendo a respeito da súa categoría laboral oficial. O único xeito de evitar esa “anomalía” sería aumentar a plantilla de 12 a 18 traballadores. Segundo o Capítulo X, artigo 23, apartado E) e máis a Cláusula adicional terceira, os 3 anos de prazo máximo para a incorporación de efectivos ata chegar a 18 cumpriuse o día 16 de agosto de 2021.
O “Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento” considera que a dotación mínima para que estea operativa unha das súas bases son 3 traballadores e traballadoras. Cun número inferior, o servizo non está operativo e a base pecharíase. O GES da nosa Comarca fai as mesmas funcións (primeiros intervintes en extinción de incedios, salvamento, rescate e emerxencias de todo tipo) CON UNHA OU DÚAS PERSOAS TRABALLADORAS, sen indicacacións nin procedementos de actuación. Xa que logo, disto dedúcese unha situación de perigosidade, risco e falla de protección, e que obviamente supón un recorte de dereitos laborais das persoas traballadoras do GES. Todo isto que vimos denunciando é de dubidosa legalidade e, a todas luces, irresponsable e inmoral cando quen promove esta situación é unha Administración Pública.
A situación de precariedade é dramática, polo que dende Manifesto Miñor, nun exercicio de responsabilidade, demandaremos no Pleno da Corporación Municipal de Gondomar (pois fomos expulsados da Mancomunidade para colocar unha tránsfuga) a aprobación dun acordo para que don Paco Ferreira e todos os grupos políticos de Gondomar con representación na Mancomunidade desenvolvan as xestións necesarias para que a Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor desenvolvan as actuacións necesarias para integrar o GES da nosa comarca no Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento”, mantendo a base no Val de Miñor en condicións dignas para as persoas traballadoras do servizo.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas
Voceiro de Manifesto Miñor