Manifesto Miñor demanda un proxecto realista que conte coa opinión persoas afectadas para resolver o problema das enchentes en Gondomar

Gondomar, 21 de xullo de 2025.- A semana pasada, Augas de Galicia anunciou a través dos medios de comunicación un novo investimento de tres millóns e medio de euros para solucionar o problema das enchentes que leva padecendo o Concello de Gondomar, e, nomeadamente, a veciñanza da Vila e do Barrio da Ponte, en Mañufe. Pois ben, nas novas publicadas coa intención do organismo da Xunta de Galicia de elaborar un proxecto, dende Manifesto Miñor detectamos algunhas eivas, que sinalamos a continuación:

1º) A proposta de Augas de Galicia é elaborar un proxecto que só contempla actuacións na Vila, ignorando o gravísimo problema que suporá o máis que probable aumento do caudal de auga no Barrio da Ponte, en Mañufe. Como xa manifestaron en reiteradas ocasións as persoas afectadas polas enchentes do ano 2022, ao desatuir a ponte na Vila, máis cantidade de auga e máis rápido chegará á ponte de Mañufe, provocando inundacións con maior frecuencia. Debe ser un compromiso de Augas de Galicia escoitar as persoas afectadas, tanto da Vila de Gondomar como do barrio da Ponte, en Mañufe á hora de elaborar o proxecto.

2º) É fundamental actuar no río de maneira integral: hai que abrir os ollos da ponte de Mañufe, máis tamén controlar os recheos que se fan nas marxes do Río Miñor, controlar os atuimentos provocados polas árbores que todos os invernos caen como consecuencia dos temporais, ampliar as pontes da estrada da EDAR e da Xunqueira, etc. No proxecto débese poñer de manifesto a necesidade de realizar todas cantas actuacións sexan necesarias para garantir que en época de choiva o río desaugue adecuadamente.

3º) Cómpre garantir o control dos desaugues do encoro de Zamáns e, asemade, recuperar os vellos encoros de d’A Pasaxe e Pegonegro, coa finalidade de regular o caudal do Río Zamáns e dos devanditos desaugues. Dende Manfiesto Miñor, temos presentada unha proposta ben definida sobre o aproveitamento da presa de Pegonegro para xerar enerxía e crear unha comunidade enerxética que permita xestionalo. Deste xeito, o investimento nesa infraestrutura tería un doble beneficio para o Concello.

En todo caso, dende o noso grupo consideramos que tanto a Corporación Municipal de Gondomar como as persoas afectadas, a través da Plataforma que teñen constituída, deben participar na elaboración do novo proxecto. Nun tema tan importante, a Xunta de Galicia non pode ignorar as demandas da veciñanza e o Goberno municipal debe deixar de poñer atrancos e colaborar no que sexa necesario para evitar que, no futuro, volva inundarse Gondomar.

Manifesto Miñor

 

 

Xullo 22, 2025

Etiquetas: , ,