Manifesto Miñor demanda un estudo de viabilidade para a remunicipalización dos servizos de auga e saneamento

Manifesto Miñor vén demandando, dende hai moitos anos, unha xestión pública dos servizos municipais: auga, saneamento, recollida de RSU, punto limpo, etc. Malia a nosa insistencia en reiteradas ocasións, o señor Alcalde nunca quixo valorar sequera a posibilidade de remunicipalizar os servizos públicos. Ben ao contrario, o Sr. Ferreira e o seu goberno, que presume de socialista, prefiren formar parte do exclusivo clube dos privatizadores convencidos.: o contrato do lixo foi adxudicado FFC cuns resultados bastante cuestionables, pois a recollida de RSU funciona peor que nunca, tal e como denunciamos en numerosas ocasións dende o noso grupo, e o punto limpo de Gondomar ten unha actividade moi dubidosa. Agora, é o momento da reprivatización da auga pública e do saneamento, xa que o contrato con Espina e Delfín leva 4 anos prorrogado.

A pesar de que a propia ONU recomenda a xestión pública da auga, pois na última “Conferencia da ONU sobra a Auga”, celebrada en New York o pasado ano, elaborouse un plan con 689 compromisos entre os cales figura a xestión pública, veciñal ou comunitaria da auga, o señor Ferreira negouse sempre a incluir un estudo de viabilidade do servizo independente e que valorase a posibilidade de remunicipalización. Dende Manifesto Miñor, consideremos que teimar na privatización dun ben público e escaso como é a auga para que ás grande corporacións transnacionais ou empresas intervidas por diferentes fondos voitres con sedes en paraísos fiscais fagan negocio co que é de todxs, ademais de amosar unha gravísima falla de ética e ser moralmente reprobable, é impropio dunha Administración Local, pois nega a posibilidade a valorar a viabilidade real dunha xestión pública da auga tanto ao conxunto da veciñanza e como aos grupos da oposición. Hai que ter en conta, ademais, que toda privatización provoca desigualdades na medida en que permite un gasto abundante de quen poida pagalo mentres que limita o seu a quen non teña recursos. A auga non pode ser un negocio e un goberno socialista, como presume don Paco Ferreira, debería garantir a igualdade nos servizos básicos.

Xa que logo, dende Manifesto Miñor sempre estivemos abertos a chegar a un acordo co goberno sobre o estudo de viabilidade do servizo da auga pública, sempre e cando se fixese a través dunha entidade independente (universidade pública ou outros organismos similares) e se contemplase a posibilidade de remunicipalización do servizo, pois entendemos que é un exercicio democrático de transparencia propio dun goberno progresista e socialista. O desenlace desta historia é coñecido por todo Gondomar: aproveitando un acto raiano no transfuguismo dun concelleiro do PP conseguiu aprobar co voto de calidade do Alcalde o estudo de viabilidade, feito en febreiro de 2024 e que, seis meses despois, xa está desactualizado xa que está orfo de calquera consideración económica real e de futuro tendo en conta a duración da concesión, como, por exemplo, os convenios colectivos, as subas do IPC, electricidade, etc.

En consecuencia, presentamos unha alegación ao estudo de viabilidade encargado por don Paco Ferreira coa finalidade de que se realice un novo estudo no que se valore a posibilidade de remunicipalización do servizo da auga e saneamento no Concello de Gondomar. Do contrario, imos ter privatizada auga para sempre e a xestión (incluídas as taxas e prezos públicos do servizo) quedará ao xuízo da empresa privada que consiga a concesión.

En Gondomar, 28 de agosto de 2024.

Manifesto Miñor