Manifesto Miñor demanda a limpeza de camiños públicos e estradas en todo o Concello de Gondomar

Gondomar, 30 de xullo de 2025.- Dende hai varias semanas, estamos recibindo denuncias da veciñanza de todas as parroquias de Gondomar sobre o estado de abandono por parte do Goberno municipal de moitos camiños públicos do Concello. A última denuncia que presentamos a través do Rexistro foi a respecto da situación do Camiño de Bade, nas inmediacións do Pazo do Conde, con herbas altas e maleza que impiden o tránsito polo devandito camiño.

Hai unhas semanas, tamén trasladamos a petición dos veciños dos barrios de Faxide e Regodagua, en Chaín, para a limpeza do Camiño de Faxide (no catrasto reza como Camiño de Pegonegro), cheo de fentos e silvas. Neste caso, trátase dun camiño tradicional que segue a ser de gran utilidade para a veciñanza dos devanditos barrios xa que os conecta coa parada de autobús en Pegonegro, acurtando moito as distancias.

Con anterioridade, denunciamos o estado de dúas estradas, unha nas Rasas, Gondomar, e outra en Peroleira, Peitieiros, onde a maleza invadía a vía pública e dificultaba o tránsito das persoas a pé.

Estes son só algúns casos, pero sabemos que existen outros moitos camiños públicos e estradas sen limpar, malia os anuncios-postureo do señor Alcalde sobre a creación da brigada municipal Bro’Sis, do Concello de Gondomar. En lugar de percorrer os concellos de Galicia na súa Harley-Davidson, convidamos a don Paco Ferreira a que faga unha ruta moteira polo Concello de Gondomar e intente circular por algúns camiños que o seu goberno non limpa nin coida.

Manifesto Miñor

 

 

 

Xullo 30, 2025

Etiquetas: , ,