Manifesto Miñor defende a necesidade de creación de prazas de carga e descarga na contorna da Praza de Abastos

Praza de abastos Gondomar

Cando o ilustre Arquitecto D. Xosé Bar Boo deseñou a nova Praza de Abastos de Gondomar a finais dos anos 60 (inaugurada en 1973), estou convencido que o seu sentimento galeguista levouno pola idea de facer da mesma un auténtico centro social e de encontro baixo cuberta que servise como o principal elemento dinamizador da economía local, como por outra banda foron sempre estes espazos en Galicia, igual que as feiras, os mercados, etc. Polo tanto, resulta obvio que un centro de intercambio comercial e popular de primeira orde coma é unha praza de abastos nunha Vila, non tería sentido a súa construción sen acompañala de espazos e rúas para poder achegarse a ela, tanto a mercar como a vender, e, sobre todo, o transporte de mercadorías, algo que a vella Praza de Abastos da Rúa Manuel Alonso xa non cumpría. O exemplo disto é que a construción da nova praza obrigou ao mesmo tempo á apertura de varías rúas que lle foron dando forma ao que hoxe é esa parte da Vila de Gondomar.

Manifesto Miñor propón nesta moción algo tan sinxelo, e que todas as prazas de abastos coñecidas teñen, como son espazos para a carga e a descarga de mercadorías nas súas entradas e saídas. Todas menos a de Gondomar. A solución técnica non nos corresponde a nós propoñela; o que si sabemos que é posible. Dende logo, é unha demanda dxs praceirxs e dxs comerciantes da zona e, para nós, unha iniciativa que contribuiría a mellorar o acceso do transporte de mercadorías para o comercio local.

Febreiro 6, 2025

Etiquetas: , ,