Manifesto Miñor considera unha imprudencia as declaracións de Paco Ferreira sobre a continuidade de Gondomar na Mancomunidade do Val de Miñor
Gondomar, 17 de outubro de 2025.- As declaracións vertidas no Pleno deste xoves, 16 de outubro, por parte do señor Ferreira a respecto da continuidade do Concello de Gondomar na Mancomunidade do Val de Miñor son una ocorrencia para buscar o titular fácil diante da demanda de Manifesto Miñor de integrar o GES no Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Pero que podemos esperar se cando o don Paco Ferreira foi presidente da Mancomunidade de Concellos non fixo nada por artellar solucións ao GES e impulsar o organismo supramunicipal; mesmo cando dende Manifesto Miñor presentamos algunha iniciativa sempre votou en contra.
Sexa como for, a moción foi aprobada cos votos a favor do PSOE e sen votos en contra. Agora, tócalle ao Señor Ferreira defender o acordo no seo da Mancomunidade e na Deputación de Pontevedra, xa que tanto se gaba de ser deputado provincial. Debería ser moi fácil desenvolver esa xestión se temos en conta que no plenario da Deputación hai, ademais, dúas deputadas de Gondomar, unha do PP e outra do BNG. Veremos entón se queren dar solución ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val de Miñor ou van priorizar intereses partidarios. Nunca estivo tan cerca acadar unha solución definitiva para o GES!
Por outra banda, dende Manifesto Miñor, sempre defendemos que a Mancomunidade do Val de Miñor ten que ser unha ferramenta de progreso fundamental para a Comarca. Mais, para iso, hai que comprometerse en serio e xestionar todos os servizos en común que sexan posible (recollida de lixo, transporte, comercio, auga, etc.), aínda que para iso os concellos teñan que renunciar a competencias propias. Deste xeito, sairían moito máis baratos, chegarían a máis veciñas e veciños e serían de maior calidade. O que se chama economía de escala. Fuxir cando as cousas non che gustan nunca pode ser a alternativa.