Manifesto Miñor anima a veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación nacional de Queremos Galego “Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística” en Compostela

Val Miñor, 18 de febreiro de 2025.- Dende Manifesto Miñor chamamos a toda a veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación nacional organizada por Queremos Galego en defensa da nosa lingua baixo o lema “”Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística” que se vai celebrar en Compostela o vindeiro domingo, 23 de febreiro de 2025, Día de Rosalía.

Os datos aportados recentemente polo Instituto Galego de Estatística e os informes da Real Academia Galega e da Mesa pola Normalización Lingüística sobre o uso do galego permiten comprobar a situación de emerxencia da nosa lingua logo de 4 maiorías absolutas do Partido Popular. Por vez primeira na serie histórica, hai máis falantes de castelán que de galego, é dicir, a lingua galega converteuse en minoritaria, e máis do 30% dxs nenxs e adolescentes entre 5 e 14 anos recoñecen non saber falar galego.

Con estes datos, queda demostrado que o famoso Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aprobado durante o primeiro goberno de Feijóo na Xunta de Galicia tivo consecuencias nefastas para o galego. De feito, na actualidade, case un terzo dxs nenxs e adolescentes entre 5 e 14 anos, é dicir, persoas que tiveron a totalidade da súa escolarización baixo o amparo dun decreto que impide, por exemplo, que as materias científicas (Matemáticas, Tecnoloxía ou Física e química) se impartan en galego, non son quen de se expresar, ben oralmente, ben na escrita, en galego. A consecuencia práctica das políticas galegófobas do Partido Popular están a vista: temos xa unha xeración que non domina, e mesmo rexeita, o galego.

Con todo, o Partido Popular segue co seu proxecto de exterminar a lingua galega, malia as continuas advertencias que, dende fai anos, lle vén facendo o Consello de Europa ou a propia ONU. Non houbo nin hai nin haberá medidas destinadas a reverter a situación de minoración do galego mentres non tomemos conciencia e sexamos nós quen nos mobilicemos contra as políticas do Partido Popular contra a nosa lingua.

Por todo iso, dende Manifesto Miñor consideramos que é fundamental a participación masiva de toda a cidadanía do País na manifestación do vindeiro domingo, 23 de febreiro, na bonita hefeméride do Día de Rosalía. Nós imos e queremos que veñas con nós. Estamos organizando unha quedada no pavillón de Gondomar ás 10:00 horas para compartirmos coche.

“Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística”.

Febreiro 19, 2025