Erradicar o machismo e o acoso sexual das institucións
Val de Miñor, 11 de decembro de 2025.- Fronte ao machismo e ao acoso sexual, cómpre actuar con firmeza. Ningún machista é un bo representante público. As denuncias por acoso sexual e comportamentos machistas contra diferentes cargos públicos de todo tipo, pola súa gravidade, non poden ser minimizadas; tampouco é posíbel o seu encubrimento por parte dos respeitivos aparatos partidarios. O machismo estrutural segue presente nas organizacións políticas e sociais: comentarios normalizados, insinuacións sexuais e dinámicas de poder que xeran silencio e revictimización. Estes comportamentos non poden ter cabida nunha institución pública.
Os partidos teñen a obriga de actuar con transparencia: investigar, protexer as vítimas e depurar responsabilidades; tamén das persoas que puideran encubrir os feitos, garantindo ao tempo a presunción de inocencia.
Dende Manifesto Miñor esiximos claridade, rigor e contundencia ás organizacións políticas que lle deron, ou dan, acubillo a este tipo de prácticas no seu seo. No século XXI non pode haber impunidade para o machismo. Ningún machista é un bo concelleiro, alcalde, presidente da deputación, deputado ou senador.
A igualdade non é unha arma partidista, senón unha responsabilidade colectiva. O noso apoio a todas as mulleres que denuncian a violencia machista, especialmente cando os agresores ocupan postos de poder.
Manifesto Miñor