A limpeza das cunetas na estrada entre o Telleiro e a Esparela: un parche para un problema sen resolver

A indignación da veciñanza da parroquia de Borreiros en Gondomar está ao límite do socialmente soportable. Levan toda esta semana vendo, como no canto de resolver un problema que a parroquia vén sufrindo dende hai anos, agora o Concello, poñendo un remendo, faino máis grave.

Ninguén dubida da perigosidade da estrada entre o Telleiro e a Esparela, na parroquia de Borreiros, onde constantemente se producen situacións de risco para peatóns e accidentes entre vehículos. O último, hoxe mesmo, pois en torno ás 13:00 horas produciuse unha colisión entre dous vehículos diante dunha parada de autobús. A maiores, o Concello de Gondomar está limpando e abrindo as cunetas na devandita estrada, unha actuación necesaria agora que veñen as chuvias do outono e do inverno. Con todo, como todo mundo sabe, trátase dunha estrada moi estreita, con curvas e moito tránsito. As persoas que se “atreven” a camiñar polas beiravías da mesma xóngase literalmente a vida e, agora, por mor da fondura das cunetas vénse obrigadas a camiñar máis ao centro da estrada, aumentando perigo para a súa integridade.

A veciñanza da parroquia están indignada, e con razón, pois leva anos reclamando unha solución definitiva a este problema mentres o goberno municipal do Sr. Ferreira segue a xogar con ela… até que pase algo realmente grave.

A solución a un vial con tanta carga de tránsito, que recolle o desvío do mesmo dende Sabarís polo interior e onde se sitúa unha gardería infantil e, pronto, un centro da terceira idade, pasa pola construción dunha beirarrúa, arcén, etc., con anchura suficiente que lle dea seguridade aos peóns e aos vehículos. O Sr. Alcalde comprometeuse hai mais dun ano a redactar un proxecto de beiravía que sería consensuado coa parroquia. Fíxose un anteproxecto con varias alternativas para escoller unha delas e, a día de hoxe, a parroquia non sabe nada e o proxecto definitivo esta sen facer. Unha vez máis o Paco Ferreira vendeulle fume á veciñanza de Borreiros.

Ter un proxecto rematado e aprobado suporía, en primeiro lugar, ter unha solución de consenso coa parroquia e, en segundo lugar, contar co instrumento legal e técnico para comezar a buscar financiamento para realizar a obra, aínda que para iso houbera que facela en varias fases. Dende Manifesto Miñor, levamos tempo preguntando polas xestións realizadas dende o Goberno Municipal sen que haxa unha resposta satisfactoria. Por iso, esiximos máis unha vez do Goberno Municipal que se consensúe coa veciñanza de Borreiros canto antes a alternativa de beiravía ou arcén entre o Telleiro e a Esparela, a fin de comezar canto antes a xestionar os permiso, informes, aprobación do proxecto, etc.

Sr. Ferreira, Gondomar somos 10 parroquias, e facer beiravías que permitan ir aos sitios camiñando con seguirdade á veciñanza, tamén é “humanizar” e descarbonizar.

Oxalá non teñamos que lamentar males maiores.

En Gondomar, a 5 de outubro de 2024.

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz municipal de MM

Outubro 7, 2024

Etiquetas: ,