A inauguración da Praza de Manuel Alonso leva incluído un capricho do señor Alcalde de máis de 109 000 euros

As persoas contribuintes e a veciñanza de Gondomar, especialmente aquela que se mobiliza indignada por non ter uns servizos básicos como é o saneamento ou auga potable nas súas parroquias e barrios, deben saber que a remodelación da Pza. de Manuel Alonso (a Alameda de arriba) que se vai inaugurar o vindeiro xoves, e a cuxo acto o Sr. Alcalde está convidando “urbi et orbi” para poder facelo en “olor de multitudes”, o proxecto da mesma foi “mellorado” por outro proxecto para poder instalar cinco forolas tipo árbore, de dubidoso bo gusto, que custaron 109.030,597 euros, un capricho do Sr. Alcalde, dito por el mesmo, e a sabendas das críticas que lle ían caer. Mentres, as árbores de verdade dá pena velas prisioneiras entre tanta lousa e coa folla revirada da calor destes días.

Con estes 109.000 euros poderíase levar a auga pública municipal ao Barrio da Esparela en Borreiros, onde a maioría dos pozos da veciñanza están contaminados por metais pesados ou instalar a parte máis urxente do sanemaento no barrio do Camiño Branco en Morgadáns que raia no terceiromundismo.

A  idea de fondo que tantas veces temos denunciado dende Manifesto Miñor é o modelo de Vila dormitorio que o Sr. Ferreira está implantando, e para o cal solta a lebre do bonita que está quedando a Vila, cousa que tamén pode ser discutible. Como exemplo desta política alentada polo goberno municipal, cómpre dicir que xa comezou a reconversión dos primeiros baixos comerciais en vivendas particulares co otogarmento das primeiras licenzas. Ese é o futuro do comercio local.

No caso desta Praza, perdeuse unha ocasión de ouro pra recuperar o espazo central en terra que tivo sempre até finais dos anos 70, mellorando as instalacións e a rodadura das rúas, etc.; é dicir, humanizar aproveitando para axudar a combater o cambio climático.

Máis unha vez volvemos insistir na política do necesario fronte a política do bonito ou superfluo.

En Gondomar, a 12 de agosto de 2024.

Asdo. Antonio Araújo Quintas. 

Portavoz municipal de Manifesto Miñor.

 

Compartimos o documento do proxecto para que a veciñanza de Gondomar coñeza os pormenores do proxecto e o orzamento que se manexa para esas 5 farolas que se van instalar.

 

Agosto 14, 2024

Etiquetas: ,