Paco Ferreira ten paralizado o PXOM de Gondomar e négase a dar explicacións

Se alguén tiña dúbidas dos parámetros políticos nos que se move Paco Ferreira (incapacidade para o consenso, “mando y ordeno”, caciquismo, incluso a vinganza contra o adversario político), coa tramitación do PXOM todo iso quedou máis que claro. Todas aquelas propostas que non veñan en exclusiva del, ou que entenda que non lle van var dar réditos políticos, NON LLE INTERESAN, e polo tanto había que paralizalas, cando non boicotealas, ou metelas no caixón. Iso é o que fixo co PXOM.

Despois da saída ás parroquias a finais do 2016, para lle explicar á veciñanza o novo borrador do PXOM (con case un ano de demora polas “dúbidas” do Sr. Alcalde), o resultado dese debate público tivo como consecuencia inmediata a participación de máis de 1000 veciñxs nas asembleas parroquiais e a presentación de máis de 600 suxestións. Todo este proceso participativo creou na veciñanza a expectativa optimista de que por fin algo serio se movía no PXOM de Gondomar.

Falan os feitos: un calendario incumprido.

Pois ben, o 29 de xullo de 2018, despois de informar favorablemente a Intervención Municipal de que era posible facer a cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L. , tal como sempre defendeu o concelleiro de urbanismo  Antonio Araújo en base ao informe emitido pola Unv. da Coruña, o Sr. Alcalde anuncia nos medios de comunicación que aparta ao devandito concelleiro das súas funcións na tramitación do PXOM.

O 4 de agosto de 2018, a Xunta de Goberno Local aproba por unanimidade autorizar a cesión do contrato da redacción do PXOM de EPTISA  para Alfonso Botana S.L., o que é comunicado a ámbalas dúas empresas .

O 14 de agosto de 2018, Paco Ferreira como é habitual nel, anuncia sen ningún tipo de prudencia un novo cronograma segundo o cal, en dous meses estarían resoltas as suxestións presentadas pola veciñanza, e antes de seis meses estaría presentado na Consellaría correspondiente o novo PXOM para os informes de Sustentabilidade Medioambiental e de Mobilidade, deixando ver que era posible telo listo para a súa aprobación inicial antes de rematar o mandato (ou, como moi tarde, a finais deste ano).

O resultado da brillante xestión e do interese que Paco Ferreira ten polo PXOM,  por non falar do desprezo ás persoas que presentaron as súas suxestións en tempo e forma, é QUE A DÍA DE HOXE, 6 MESES DESPOIS da autorización pola Xunta  de Goberno Local da cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L., AÍNDA NON ESTÁ FEITA ESA CESIÓN ANTE NOTARIO, polo que formalmente Gondomar está sen equipo redactor e con todo o proceso paralizado.

Paco Ferreira enganou á veciñanza de Gondomar: o PXOM está paralizado.

Unha vez máis, Paco Ferreira vendeu fume enganando á veciñanza sen reparar no dano e nas consecuencias que iso está facendo a centos de veciñxs, pendentes dunha ordenación urbanísitica que lle aclare a situación das súas propiedades e, sobre todo, que lle dea garantías xurídicas e tranquilidade á hora de construír, aumentar, rehabilitar, ampliar, etc. as súas vivendas.

Dende Manifesto Miñor esixímoslle ao Alcalde que se poña a traballar neste asunto sen dilación para que, cando menos, a nova corporación municipal que entre en maio, poida contar cunha empresa legalmente contratada para continuar os traballos de redacción do novo PXOM de Gondomar.

En Gondomar, a 20 de febreiro de 2019.

Asdo.:  Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro-portavoz de Manifesto Miñor.

Febreiro 20, 2019

Etiquetas: , ,