O PSOE de Gondomar, co apoio do concelleiro de Ciudadanos, abre a porta a cobrar unha taxa polo uso do punto limpo

A ver se o señor Alcalde e o Goberno Municipal de Gondomar “aprenden” a non contar medias  verdades, que son as peores das mentiras: quen aprobou definitivamente o novo Regulamento de funcionamento do Punto Limpo de Gondomar foi o PSOE co voto a favor de Ciudadanos. Os demais grupos municipais votamos en contra, basicamente, por unha razón: ESTE NOVO REGULAMENTO ABRE A PORTA AO COBRO DUNHA TAXA POR LEVAR RESIDUOS AO PUNTO LIMPO. De feito, faino dunha forma confusa, pois esta posibilidade vén recollida no Artigo 11, que leva por título “Horario e outras condicións” e cuxo apartado 2 indica o seguinte:

  • “2.- O Concello de Gondomar poderá, no seu caso, establecer mediante a correspondente ordenanza o pago dunha taxa ou prezo público pola utilización do Punto Limpo.”

Cobrar unha taxa por levar residuos ao Punto Limpo, suporá, na práctica, a morte do mesmo e todo o que iso pode ocasionar, provocando unha volta aos vertidos incontrolados no monte, polos camiños, etc. Ademais supón un castigo á cidadanía que civicamente aposta pola reciclaxe e leva os residuos ao punto limpo. As veciñas e veciños de Gondomar, que apostamos pola xestión dos residuos responsable e sustentable, acabaríamos pagando dúas veces: a taxa ordinaria da recollida do RSU e outra por verter no punto limpo.

Esta situación é a previsible (ou folla de ruta establecida polo Goberno Municipal do PSOE), e foi denunciada por Manifesto Miñor cando a adxudicación do novo contrato da recollida de RSU a FCC. Daquela dicíamos que os puntos limpos son a antítese do negocio da recollida de RSU, polo tanto, que a mesma empresa xestione os dous servizos é como poñer a raposa a gardar o galiñeiro. A maiores o labor pedagóxico e de concienciación do punto limpo de Gondomar co regulamento aprobado queda reducida á mínima expresión. Os peores presaxios de Manifesto Miñor, lamentablemente, comezan a facerse realidade: coa implantación dunha taxa por usar o punto  limpo  o seu futuro entraría nunha fase de incerteza, cando a realidade indica que a día de hoxe Gondomar precisaría outro punto limpo máis; pero isto vai en contra do negocio das empresas de recollida de RSU e dos intereses políticos do señor Ferreira.

 

En Gondomar, a 9 de decembro de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas,

Voceiro de Manifesto Miñor.

Xaneiro 9, 2021

Etiquetas: