O GES do Val Miñor estará pechado esta fin de semana por falta de persoal

Cando Don Paco Ferreira deixaba fóra do Pleno da Mancomunidade a Manifesto Miñor, sabía moi ben o que facía: estaba eliminado do organismo máis importante da Comarca ás persoas que apostamos por encher de contido a Mancomunidade e, de paso, erradicando tamén todo tipo de crítica e, por suposto, de iniciativas nesa dirección.

Hoxe mesmo acabamos de saber que esta fin de semana o GES do Val Miñor estará pechado por falta de persoal. A día de hoxe, hai 3 baixas sen cubrir e non existe bolsa de traballo da que tirar (nin está convocada a creación dunha). Por este motivo, as persoas profesionais do GES teñen que facer turnos de 24 horas cunha soa persoa. Simplemente INHUMANO!

Os servizos que GES lle presta á Comarca son impagables e, moitas veces, con actuacións heróicas, tanto polo que arriscan, como  polo traballo que fan con tan poucos medios humanos. O GES do Val Miñor sempre son primeiros en chegar a apagar un lume (por coñecer o territorio) cousa que é fundamental.

Porén, o abano de servizos prestados e actuacións non se limita a lumes. No ano 2020, o GES do Val Miñor tivo máis de 2700 intervenciósn, que foron dende apagar lumes até  retirar cobras das casas das veciñas e dos veciños, pasando por excarcelacións de accidentados nas estradas da Comarca, retirada de árbores caídas polos temprorais, atención ás riadas, rescate de mariscadores das rochas, botar sal nas estradas conxeladas, recollida solidarias de alimentos ou mesmo facer pedagoxía entre os máis novos e veciñanza en xeral.

 

Por iso dende Manifesto Miñor levamos reclamando dende sempre a pontenciación e reforzo deste servizo básico mentres non se cree un verdadeiro Parque de Bombeiros para unha Comarca con máis de 50 mil habitantes fixos que se duplican no verán,  con dous polígonos industriais, etc.

Por último, dende Manifesto Miñor responsabilizamos á Presidencia actual da Mancomunidade, o Sr. Ferreira, do que poida pasar, quedando a veciñanza do Val de Miñor en mans da sorte e confiar que non pase nada.

No Val de Miñor, a 2 de outubro de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de MM.

Outubro 2, 2021

Etiquetas: , , , , ,