MANIFESTO: Construíndo un país feminista, ecoloxista e xusto dende o municipalismo galego

[Para ver o vídeo da presentación do Manifesto, fai tic nesta ligazón]

As candidaturas municipalistas galegas, dende o pluralismo político e a diversidade territorial que nos definen, reclamamos o dereito a participar na construción dunha alternativa electoral plural de unidade galega para o vindeiro 5 de abril. Como representantes de milleiros de cidadáns e cidadás reclamamos tamén o recoñecemento e o respecto das organizacións políticas galegas, e a cambio ofrecemos a nosa cooperación leal, nunha andaina tan necesaria coma urxente, achegando o coñecemento que nos dá o traballar a pé de rúa e a carón dos nosos veciños e veciñas no día a día.

Acreditamos nun proxecto de profundidade nas expresións democráticas, de xustiza social, de igualdade de xénero e respecto a todas as liberdades persoais e colectivas; á nosa contorna natural e ao noso tecido produtivo, así como na nosa achega cultural á humanidade nunha concepción solidaria, ecoloxista e pacifista da sociedade. Asemade, afirmamos o carácter nacional de Galicia e o seu dereito á libre determinación dentro da forma de goberno republicana.

Propoñemos, dende a máis sincera das xenerosidades, traballar sen acougo para conformar un proxecto electoral plural, político e de xestión, que sexa quen de aglutinar a todas as persoas e partidos que se reclaman da nación galega, sexa cal sexa a súa autodefinición, para sacar do Goberno Galego á dereita e poñer as institucións autonómicas ao servizo das maiorías sociais, acadar as máximas competencias recoñecidas no actual estatuto e defender o pleno recoñecemento da plurinacionalidade no Estado español.

É por isto que chamamos á unidade de todas aquelas organizacións políticas galegas, candidaturas municipalistas ou veciñais, e ás persoas en xeral interesadas e comprometidas con Galicia, a se uniren, cooperando horizontalmente, en igualdade dende a diversidade, nunha única coalición electoral o 5 de abril, con xenerosidade e altura de miras.

En Santiago de Compostela, a 18 de febreiro de 2020.

MAREAS MUNICIPALISTAS ASINANTES DO MANIFESTO

Marea Pontevedra, Lugonovo, Somos Ribadumia, Movemento Oia, Asemblea Cidadá Bueu – SON, En Marea A Guarda, En Marea Tui, Manifesto Miñor, Manifesto Miñor Nigrán, Manifesto Miñor Baiona, Valga VIVA – Mareas Locais, En Marea Ponteareas, SempreCorcubion, Marea de Ferrol, En Marea – Cabanas, Marea Veciñal de TOURO, Asembleas Abertas Curtis, Compromiso Muros, Xuntos Carballo, Marea Veciñal de Culleredo, En Marea de Mondoñedo, En Marea – Ribadeo, Son de Manzaneda, Xuntos por Chandrexa, Xuntos Por Laza, Son de O Pereiro De Aguiar, Son De Trives, Moveneda – Movemento Veciñal Neda, Marea de Verin, Ourense Mellor, Somos EnMarea Sanxenxo e Somos Cambados.

Febreiro 19, 2020

Etiquetas: , , , ,