O Punto Limpo de Gondomar: cara unha xestión responsable, eficiente e respectuosa co medio ambiente

Aumentan considerablemente o número de vertidos incontrolados na natureza en Gondomar, tras da clausura sine die do PUNTO LIMPO.

Persoas que gustan de pasear polas nosas paisaxes ou as Comunidades de Montes do noso concello teñen detectado un aumento considerable do número de vertidos incontrolados nos montes do concello de Gondomar. Nunca desapareceron definitivamente as persoas irresponsables que depositaban vertidos contaminantes nas nosas forestas, pero dende que o Concello de Gondomar pechou o 10 de outubro, ás agachadas, as instalacións do Punto Limpo, o número de incidentes e atentados ecolóxicos téñense multiplicado exponencialmente: colchóns, residuos de obra, electrodomésticos…

Un Punto Limpo é unha instalación municipal que ten como principal función ofrecer á cidadanía dunha localidade un lugar para depositar por separado os residuos xerados nos seus fogares, tanto reciclables como tóxicos ou perigosos; é dicir, residuos que, por peso, volume, características ou perigosidade, non deben sen depositados nos colectores do lixo orgánico. Estes residuos deben ter unha consideración especial debido ás súas características físicas (peso ou volume) e as súas características químicas (que aumentan o seu grao de toxicidade ou perigosidade (irritantes, tóxicos, gases…).

É fundamental que poidamos dispor deste servizo para preservar os nosos espazos naturais, tan ben valorados por veciños e veciñas e visitantes. Un concello  non pode ter tal falta de capacidade de resolución, nin deixar na desinformación a aquelas veciñas e veciños que, descoñecendo a clausura deste servizo, se desprazan ata ás instalacións coa vontade dunha reciclaxe para os seus residuos. O Punto Limpo de Gondomar, clausurado dende o 10 de outubro, debera estar integrado no plan municipal de recollida de residuos, planificado, xestionado e organizado como un servizo publico.

 

Cambrils ofrécese a asesorar nun plan público de recollida de residuos.

Nos contactos co Concello de Cambrils, os responsables desta área naquela localidade téñense ofrecido a Manifesto Miñor para asesorar a Gondomar na implantación dun servizo público, se tras das eleccións municipal do vindeiro ano, existe unha vontade maioritaria na corporación de recuperar este servizo. Cambrils, gobernado por un tripartito no que está integrado o PSOE, é unha das experiencias que figura como referente de recuperación na península. As únicas queixas, que se teñen recollido por rexistro, teñen que ver coa solicitude ou petición de novas localizacións dos puntos de recollida.

En Gondomar deberíamos abrir, ampliar e reorganizar o noso punto, de tal xeito que exista o maior número de lugares de depósito separados, independentes, de fácil acceso e rápida carga nos transportes mecanizados para a maior parte destes residuos perigosos: entre outras cousas, metais contaminados de produción doméstica normal, plásticos contaminados, aceite de motor sintético ou mineral, baterías de coche, aerosois, baterías alcalinas / salinas e botóns, baterías do teléfono móbil, tubos fluorescentes e lámpadas de baixo consumo, pinturas, disolventes e envases con este tipo de residuos, cartuchos de tinta de impresora e tóner, CDs, DVDs e cintas de vídeo…

Tamén conviría ter colectores separados para residuos máis inertes, coma vidro doméstico, papel e cartón, metais, embalaxe, madeira, aceites vexetais usados de orixe doméstica; incluso outros para residuos voluminosos: mobles, colchóns, resortes, cadros e portas, caixas, etc., restos de pequenos traballos domésticos, electrodomésticos (lavadoras, lavavaixelas, estufas, frigoríficos, conxeladores e aire acondicionado), outros residuos electrónicos como pantallas, C.P.U. de ordenadores…, roupa e calzado usados, restos de podas o restos vexetais, vidro plano de fiestras ou imaxes e espellos, etc.

Xa que logo, hai que avanzar cara unha reorganización  para un proceso de reciclaxe máis eficiente e respectuoso co medio ambiente. Debemos ser responsables do futuro do noso medio natural, como fonte de equilibrio, de vida san e de recursos. Quen non se comprometan neste obxectivo, deben estar lonxe das responsabilidades municipais.

Desgraciadamente, nin temos planificada a ampliación, nin sequera está aberta a precaria infraestrutura actual. O señor Ferreira comprometeu o futuro do persoal do Punto Limpo, pero as veciñas e os veciños de Gondomar seguimos pagando regularmente o aluguer dunhas instalacións que están bloqueadas ao público.

 

Gondomar, 26 de decembro de 2018

Xosé Antón Araúxo,

Concelleiro de Manifesto Miñor