Non todo vale en política

Manifesto MiñorEn Manifesto Miñor temos como principios básicos do noso funcionamento a transparencia e a participación; por iso, ímoslle dar resposta pública ás declaracións realizadas polo Sr. Alcalde no Atlántico Diario  do domingo 24 de xaneiro (Ferreira informó a los grupos de su propuesta de juez de paz), despois de que o noso Grupo Municipal informase da situación e dun profundo debate na xuntanza aberta do Grupo de Metodoloxía e Comunicación, celebrada o mércores 27 de xaneiro.

Ferreira non acaba de entender que forma parte dun goberno de coalición

O espectáculo lamentable dado no pleno do xoves día 21, convocado como extraordinario cando tiña que ser ordinario, como consecuencia dun mal asesoramento, así como a proposta de nomeamento de Xuíz de Paz feita de modo unilateral polo Sr. Alcalde sen consultar, nin sequera, cos compañeiros e coas compañeiras do goberno son responsabilidade exclusiva do señor Ferreira, que non acaba de entender que forma parte dun goberno de coalición.

O debate, o consenso e a transparencia (entendendo que debe haber un transvase de información fluído tanto dentro da corporación municipal como entre o concello e a veciñanza) deben ser os principios básicos nos que se apoie a acción de goberno.

Xa que logo, o propio Alcalde recoñece que non houbo tempo suficiente para levar a cabo un debate rigoroso sobre o punto en cuestión. Alén disto, os grupos do goberno coñecemos esta proposta pouco antes da sesión plenaria, ao mesmo tempo que a oposición. O único que se acordou entre os voceiros dos grupos municipais foi a data do pleno do día 21.

Con nós que non conten para gobernar por imposicións

Manifesto Miñor, até agora, sempre se corresponsabilizou con todas as propostas previamente debatidas e acordadas no seo do Goberno Municipal. Agora ben, con nós que non conten para gobernar por imposicións. Por último, agardamos que o Sr. Alcalde non volva a faltar á verdade dese xeito tan burdo e a atacar a quen estamos traballando polo ben común con honestidade e de boa fe.

Grupo de Traballo de Comunicación

Xaneiro 28, 2016

Etiquetas: ,